Venres, 24 Xaneiro de 2025

Comezan as obras de mellora da glorieta de acceso ao polígono industrial de Salvaterra

As obras, solicitadas polo grupo de Goberno permitirán mellorar a seguridade nunha estrada cunha alta densidade de tráfico

O xefe Territorial da Consellería de Infraestruturas, Jose Luis Díez, desprazouse esta mañá ata Salvaterra de Miño acompañado por diferentes técnicos da Consellería, para informar á alcaldesa do municipio, Marta Valcárcel Gómez, das obras que se van a acometer na rotonda da PO-403.

As obras foran solicitadas polo grupo de goberno no pasado pleno do 29 de xullo. Daquela, o Goberno local solicita que se acometeran estes traballos “a fin de mellorar a seguridade desa rotonda e polo mesmo da propia estrada, que une Salvaterra con Ponteareas”.

Esta rotonda –explica a Alcaldesa de Salvaterra de Miño– da acceso ao Polígono Industrial Chan da Ponte, “con mais de cincocentos empregados e moito tránsito pesado e que se encontra cun difícil e complicado acceso”.

Cómpre salientar que por esa glorieta teñen que pasar todos os vehículos que entran a Salvaterra a través da Ponte Internacional e os propios veciños e veciñas de Salvaterra que se desprazan ata Ponteareas ou ao enlace da A-52, co conseguinte tránsito de vehículos lixeiros e pesados que iso supón a diario.

Agora, a Consellería vén de trasladarlle a Alcaldesa o inicio inminente da obra que quedará rematada antes de finalizar o ano.

Doutra banda, Marta Valcárcel e José Luis Díez, desprazáronse ata a parroquia de Oleiros para comprobar o funcionamento do paso de peóns intelixente que se acaba de instalar na zona de As Santas co fin de mellorar a seguridade dos viandantes e reducir a velocidade da zona coa instalación de balizas.