Domingo, 4 Maio de 2025

Bodegas La Val entrega íntegra a recadación do seu “La Val Solidario 2021” a DisCamino

Bodegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, fixo entrega hoxe aos representantes de DisCamino dun cheque polo importe íntegro resultante da venda das 200 botellas da V Edición Limitada do seu albariño “La Val Solidario 2021”.

O acto de entrega celebrouse en Bodegas La Val, situada en Salvaterra de Miño e nel, Fernando Bandeira, socio e xerente da adega e Antonio Ruiloba, socio e administrador, entregaron o cheque por valor de 1.800 euros ao responsable de DisCamino, Javier Pitillas que veu acompañado por Mónica Mera e Miguel Angel González, pilotos de Handbike e Tándem, respectivamente.

Fernando Bandeira, socio e xerente de La Val, dicía: “para nós foi un pracer poder colaborar con DisCamino a través deste proxecto solidario. Estamos orgullosos de facer hoxe a entrega do cheque da quinta entrega desta acción que parece que veu para quedar”.

DisCamino destinará esta doazón para continuar co seu proxecto e seguir logrando que calquera persoa con discapacidade poida gozar de todo o que a peregrinación do Camiño ofrece. Esta colaboración permitirá dotar de equipamento á asociación.

Pola súa banda, Javier Pitillas, director xeral da Fundación, engadiu: “Estamos moi agradecidos por ser os beneficiarios desta V Vendima Solidaria, parécenos unha moi boa iniciativa e cremos que é necesario que se fagan este tipo de colaboracións”.

Péchase así o ciclo iniciado coa V Vendima Solidaria, tras a venda do albariño “La Val Solidario 2021” e a entrega do cheque a DisCamino. O pasado setembro, co inicio da vendima, Bodegas La Val presentou a súa VI Vendima Solidaria, e o próximo La Val Solidario 2022 será en favor de Apamp (Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral).

Sobre DisCamino

DisCamino naceu no ano 2009, destinada a posibilitar a realización do Camiño de Santiago a todas as persoas con discapacidade que mostren interese neste roteiro de peregrinación como vía de superación persoal ademais de difundir os valores da cultura do deporte e do esforzo, así como o recoñecemento e a valía de todas as persoas, independentemente das súas características. Na actualidade, DisCamino conta con case 40 voluntarios que co seu traballo posibilitaron que ata o de agora 305 persoas con discapacidade puidesen vivir a experiencia do Roteiro Xacobeo. En total, desde hai xa 11 anos e de maneira ininterrompida, realizáronse 80 camiños, entre os que destacan catro veces o Camiño Francés, dous a Vía da Prata e distintas probas deportivas como a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, a volta ciclista polo Cantábrico ou os roteiros polos Alpes e os Pireneos.

Sobre Bodegas La Val

Bodegas La Val nace en 1985, converténdose así nunha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas. Situada na Finca Arantei, en Salvaterra de Miño (provincia de Pontevedra), conta cunha adega equipada coas tecnoloxías máis punteiras do sector e ten unha superficie de 6.000 m2. Os seus viñedos en propiedade atópanse enmarcados en tres leiras: Finca Arantei, Finca Porto e Finca Taboexa e en total suman 53 hectáreas. Bodegas La Val mantén unha produción anual ao redor de 500.000 botellas, e está presente en máis de 20 países en todo o mundo.

Na actualidade produce 8 viños: La Val (Albariño), Finca Arantei (Albariño), La Val Fermentado en Barrica (Albariño), La Val Crianza Sobre Lías (Albariño), La Val Vendimia (Albariño), Más que 2 (Condado), La Val Treixadura (Treixadura), La Val Sousón (Sousón).