Domingo, 4 Maio de 2025

A Asociación Lazoiro lamenta o derrumbamento das casas antigas da muralla en Salvaterra

Aseguran que estudos oficiais recomendaban a súa restauración

O patrimonio cultural caracterizase por ser unha ferramenta de unión entre individuos, que ademais os relaciona e aproxima ao espazo que os rodea.

Falar de patrimonio non só é falar de ruínas de pedra carentes de significado, senón dos piares que forman a base da historia, permitindo reconstruír o pasado para deste xeito entender o presente.

Debe ser obriga de todos os organismos, dende gobernamentais ata asociativos, a protección, o coidado e a rehabilitación do patrimonio en todo o seu espectro, tanto material como inmaterial. Unha rehabilitación que non pode pasar por destrución, privando tanto á nosa xeración como aos nosos devanceiros do coñecemento e do vinculo coas nosas raíces.

Dende a asociación Lazoiro, lamentan a destrución das casas antigas situadas no recinto amurallado de Salvaterra de Miño. O que comezou como un abandono sistemático e falta de coidados, rematou na completa eliminación dun elemento que destacaba, xa non pola súa antigüidade, senón pola trama urbana que aportaba ao entorno.

Imaxe actual

A desaparición deste elemento patrimonial non só supón unha perda de valor para as murallas senón que deixa unha explanada baleira e carente de toda referencia ou lembranza da actividade e vivencias acontecidas no recinto amurallado.

Ainda que por desgraza esta perda sexa irrecuperable e o dano irreversible, dende Lazoiro queren facer un chamamento en prol da concienciación, tanto a nivel social como gobernamental, de cara a evitar futuras agresións ao patrimonio.