Venres, 2 Maio de 2025

Uultimos días para degustar, en Ponteareas, os máis sabrosos «Bocados de Outono»

Xoves 14, venres 15 e sábado 16, últimas citas coas receitas máis suculentas con produtos de tempada. Dezaoito tapas con alternativas para celíacos e veganos por 2,50 € cada unha

Dende este xoves e ata o sábado 16 de novembro, veciñanza e visitantes terán a oportunidade de gozar da última cita cos ‘pinchos’ dos Bocados de Outono. A partir das 20 horas poderanse degustar as dezaoito tapas que se ofrecen nesta ruta gastronómica por 2,50 € cada unha delas, un prezo para tódolos petos de xeito que todos e todas os que queiran probar estes petiscos de primeira calidade poidan facelo. Un prezo único para múltiples sabores que sorprenderán os paladares.

A hostalería ponteareá quere que todas as familias poidan participar e por ese motivo ofrecerá tapas veganas en catro dos locais participantes e tapas sen glute en outros sete locais. O pulled de xarrete e cogomelos de tempada, o fungo funga, a copa e puro, o nagiri de cachucha de porco celta con boletus e trufa, a tosta de setas e froitos secos, os callos veganos con setas e calabizo, as delicias de secreto ibérico con salsa de castañas ou o risotto con cogomelos e castañas son as propostas que a hostalería ponteareá ofrece para as persoas que se decanten polas tapas sen glute ou polas tapas veganas.

Na páxina web do concell0, ou nesta ligazon, pódese descargar o plano do roteiro con todos os locais participantes e as tapas que se ofrecen destacando cun distintivo a oferta sen glute e a oferta vegana.

Como cada ano a concellaría de Promoción Económica quere premiar aos participantes e sorteará cinco grandes agasallos; un primeiro premio cun cheque regalo de compra de 150 € canxeables no comercio local; un segundo e terceiro premio cun cheque agasallo de 50 € canxeables nos locais participantes e un cuarto e quinto premio consistente nun lote de produtos da Feira de Outono. Deste xeito ademais de promover os locais de hostalería tamén se promociona o comercio local.

Todos e todas as participantes poderán, ademais, puntuar as tapas que degusten para elixir a mellor desta edición .

O Concello agradece a “implicación da hostalería local e tamén do tecido comercial e convida á cidadanía a facer un percorrido por tódolos locais para poder valorar e descubrir as receitas máis saborosas con ingredientes de tempada”.