Sábado, 3 Maio de 2025

Terror, comedia e desarraigo vital nunha nova proxección do ciclo ‘Mestre Mateo’ en Ponteareas

Esta semana chega a Ponteareas unha nova sesión do ciclo ‘Mestre Mateo’, unha actividade organizada pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra que está a traer á vila a proxección gratuíta de películas gañadoras e finalistas nos premios do mesmo nome que recoñecen a excelencia das producións audiovisuais de Galicia.

Este sábado 22 de outubro ás 20.00 horas a sala multiúsos do auditorio municipal acollerá a proxección da longametraxe ‘Malencolía’, unha obra dirixida por Alfonso Zarauza con melania Cruz e Xulio Abonjo como protagonistas nas que o cine de terror, a comedia e o desarraigo vital combínanse para contar a historia dunha parella que regresa ao rural galego despois de dez anos vivindo en Berlín.

Así comeza a historia de Sira e Pepe, que atopan por internet unha casa nunha aldea abandonada de Ourense, Lupián, e deciden deixalo todo para iniciar unha nova vida alí. Pero chegados á aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por un ha peculiar señora chamada Isolina. 

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar desta nova sesión de cine coa proxección dunha película con 11 nominacións aos Premios Mestre Mateo e gañadora dos galardóns á mellor interpretación de reparto feminina e masculina para Iolanda Muíños e Diego Anido. Para Groba “é un orgullo que Ponteareas sexa un dos poucos municipios da provincia que forman parte da primeira edición do ciclo Mestre Mateo, que non só permitirá ás e aos ponteareáns gozar do mellor cine galego de balde, senón que tamén permite achegar o noso idioma á veciñanza a través de canles como a cultura”.

A entrada é de balde con entrada libre ata completar aforo.