Rematan os traballos do parque forestal San Cibrán-Os Muíños de Couso, Ponteareas

A concelleira de Medio Ambiente adianta que se realizaron "accións contra a propagación do lume e se xeraron espazos de grande interese medioambiental e social"

A concelleira de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, Rosa Covelo, informa que xa están rematados os traballos de acondicionamento do parque forestal San Cibrán-Os Muíños de Couso desenvoltos en colaboración coas comunidades de montes en man común de Couso e de Guláns mantendo a liña de colaboración e traballo participativo iniciado en 2015 co alcalde Xosé Represas.

Co obxectivo de potenciar os valores paisaxísticos e o uso e disfrute xeral por parte da veciñanza o concello creou este parque forestal de preto de 165 hectáreas que permiten acoller multitude de actividades culturais, deportivas e recreativas.

Rosa Covelo explica que os primeiros pasos que se deron na creación deste parque forestal foron accións de defensa de incendios creando redes de faixas de xestión de biomasa tanto nas vías e camiños forestais como no camiño tradicional do Santo ou na contorna do sendeiro PGR 132 Muiños de Couso.

Tralos incendios de outubro de 2017, momento tamén no que se comezaba co proxecto, quedou patente a necesidade de protexer do lume estas áreas de patrimonio natural, polo que os traballos de creación do parque tamén incluiron cortalumes, rozas, plantación de frondosas e retirada de pés de eucalipto e acacia negra existentes na zona, entre outras tarefas.

Un bosque aínda máis san

As rozas, a poda, a trituración dos restos de corta e a creación de faixas non só reducen a propagación do lume tanto nas copas como no pé, ademais atenúan o risco de desenvolvemento de patóxenos e enfermidades, melloran o aspecto sanitario da masa e crean áreas de grande riqueza medioambiental como a área de frondosas que cumpre unha importante función ecolóxica que propicia creación dun corredor para a fauna e logra unha área de descontinuidade con respecto ás masas forestais contiguas que frean o lume”.

Punto de encontro

Pero ademais, esta área de frondosas xenera un espazo de interese social que permite o acceso a San Cibrán ou o paseo polos muíños, ademais de configurar un pequeno outeiro que permite a creación dunha futura área de recreo e doado punto de encontro para as familias.

Financiado no marco da subvención destinada a melloras dos montes mediante creación de parques forestais da Deputación de Pontevedra que aportou 28.535,57€ do custe total de 35.072.33 euros aportando o Concello a parte restante, o parque forestal San Cibrán-Os Muíños de Couso será unha zona de desfrute da natureza.

Este é un novo exemplo de colaboración coas comunidades de montes en man común pasando do enfrontamento histórico existente durante anos á participación e implicación, “agradecemos a boa disposición e colaboración das comunidades de montes que fan posibles espazos de lecer comunitario e que promoven a posta en va lor do patrimonio natural”

O goberno de Ponteareas ten en marcha na actualidade outros dous parques forestais que atinxen, xunto ao de San Cibrán-Muíños de Couso, a unha superficie de 500 hectáreas: A Picaraña e Seixifornia-Viveiro