O gran fondo cicloturista que leva o nome do ilustre exciclista pontareán tivo lugar este domingo en Ponteareas.
A oitava edición deste evento deportivo consolídase como unha das referencias do calendario cicloturista nacional, e acolleu a participantes de diferentes puntos de España que se desprazaron a Ponteareas para participar na marcha.
Un dos momentos máis emotivos foi a chegada a meta dos membros de Discamino que fixeron o percorrido curto de 67 quilómetros, como o tándem formado por Iván Bragado que xunto co seu piloto Mauro González completaron o total da proba de 123 quilómetros e os seus seis portos de montaña nun total de 7 horas.
Os organizadores destacan a importancia de todos os patrocinadores, colaboradores e institucións públicas e privadas para a celebración deste evento: Concello de Ponteareas, Grupo Sestelo, Btravel, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Concello de Salceda de Caselas, GDR Condado Paradanta, entre moitos outros que colaboraron neste evento deportivo.

Previa á CAP
O sábado 13 celebrouse a Feira do Corredor na Praza de Bugallal onde levou a cabo unha Xincana Infantil para os máis pequenos organizada por Lynalfa Club Ciclista Ponteareas.
Posteriormente tivo lugar unha charla coloquio na que participaron o propio Álvaro Piñeiro e Miguel Indurain, e na que tamén participou Rafa Rodríguez, ex-futbolista, director e axente deportivo, e fillo e sobriño de dous dos gañadores da Volta a España tamén nacidos en Ponteareas, os irmáns Emilio e Delio Rodríguez, e que contou como condutora da mesma ao xornalista deportivo Terio Carrera. Tras a charla tivo lugar unha firma de autógrafos de Miguel Indurain e Álvaro Piñeiro que contou cunha gran afluencia de público e afeccionados ao ciclismo. Para finalizar o evento tivo lugar un concerto do Rock in Río Tea na Rúa e un cóctel para patrocinadores que organizou Grupo Sestelo, patrocinador principal da marcha, nas súas instalacións.
Participantes
Nesta edición da Sestelo Clásica Álvaro Piñeiro participaron figuras destacadas do deporte nacional e galego como o propio Álvaro Piñeiro, Miguel Indurain, Ezequiel Mosquera, Óscar Pereiro, Guillermo Janeiro, Alejandro Marque, Claudia García e Borja Gómez.
Desde o Concello de Ponteareas e a organización da Sestelo Clásica Álvaro Piñeiro queren seguir destacando a importancia da Marcha Cicloturista nesta localidade, xa que é a única localidade de España e do mundo que conta no seu palmarés con tres gañadores da Volta a España: o propio Álvaro Piñeiro e os irmáns Delio e Emilio Rodríguez.
Mellores tempos tramo cronometrado
A proba contou cun tramo cronometrado no alto de Franqueira por Uma, o tramo máis duro da marcha con 741 metros de altura, que deu comezo no quilómetro 56 da marcha e finalizou no km 64. Os mellores tempos deste tramo marcáronos Carlos Bautista Bugarín, na categoría Absoluta Masculina, Guillermo García Janeiro, na categoría Elite Masculina, e Claudia García Salgado, na categoría Absoluta Feminina.