O Grupo Municipal do PP e Esquerda Unida de Ponteareas únese á solicitude realizada polos sindicatos CCOO e UGT encamiñada a que se retribúa de forma complementaria aos empregados municipais que están a traballar durante a situación de Estado de Alarma.
Os populares xustifican o apoio ás propostas sindicais polo risco que supón, nesta situación, o seu labor e aseguran que “debemos contribuír a recoñecer o seu traballo. Nun contexto social no que todos debemos quedarnos na casa, eles teñen que seguir ao pé do canón, expoñéndose ao virus”.
Pola súa banda, Esquerda Unida de Ponteareas salienta que se de algo está a serviz a actual crise sanitaria “é para deixar aínda máis clara a importancia dos servizos públicos e a dignidade do traballo realizado polas traballadoras e traballadores destes sectores”. Nesa liña salientan que o persoal dos Servizos Sociais “está permanentemente exposto a situacións de risco no desenvolvemento do seu traballo, polo que nas súas retribucións debería estar contemplada esta situación”.
Esquerda Unida considera que a aprobación dunha retribución complementaria ao persoal da Residencia de Maiores, de Axuda no Fogar e de todo aquel que está a dar apoio neste momento á poboación máis vulnerable “é unha cuestión de recoñecemento e dignificación do seu traballo e esforzo. Nestes momentos de urxencia queda demostrado que as súas tarefas son esenciais para o desenvolvemento da sociedade”.