Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas xa ten equipo de enduro e descenso, o «PonteBike Team»

Ponteareas é, ninguén o dubida, terra de ciclismo e de ciclistas independentemente da especialidade. Botábanse en falta, iso si, equipos e nomes nas especialidades, nada doadas, de enduro e descenso. Agora, o ‘PonteBike Team’ nace para cubrir ese espazo baleiro e, como todo o que se fai en Ponteareas, a bo seguro que o fará con nota.

O PonteBike Team conta con diferentes categorías, dende a Junior ata os Máster, pasando pola Élite-Sub 23 e, dende as súas filas, aseguran nacer “con ambición”. Tanta, que esta mesma fin de semana dous dos seus corredores, Ismael Romero Ucha e Pablo Porto Otero, desprazaranse ata La Adrada, en Ávila, para disputar a primeira proba do Open de España de Enduro, onde esperan conseguir entrar no Top-10 da súa categoría.

Márcanse como obxectivos desta tempada, o Open de España de Enduro, o Open de Galicia de Enduro e Descenso e tamén varias probas do Calendario Portugués de Descenso.

Aínda que son de recente creación conseguiron o apoio de dúas empresas da zona, como son Transportes Porto Martínez e Sportskids, agradecéndolles a ambas “o apoio que lles dan a estes corredores”.

Como non podía ser doutra maneira, no brazo do seu equipamento portan os logotipos das institucións públicas, como son Concello de Ponteareas, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e a declaración de NON á Violencia de Xénero.

Estaremos expectantes ante a evolución deste equipo que promete dar grandes éxitos a Ponteareas e á súa xente.