Preto dun milleiro de veciñas e veciños do conxunto da comarca manifestáronse na tarde deste mércores polas rúas da vila, convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado para reclamar unha atención sanitaria digna. Esta manifestación, que saíu da Praza Maior de Ponteareas e rematou ante o Centro de Saúde, forma parte da resposta veciñal ante a degradación da sanidade pública por parte do goberno da Xunta.
A decisión do Sergas de anular as consultas da Atención primaria na quenda de tarde nos meses de agosto e setembro para non substituír ao persoal de vacacións ou de baixa, supuxo a creación da Plataforma e o inicio das mobilizacións.
“Nos últimos anos, o goberno de Feijoo na Xunta degradou a sanidade pública considerablemente, cun modelo sanitario que beneficia ao sector privado e provoca que cada vez máis persoas recorran á sanidade privada”, sinalaron dende a Plataforma. Así mesmo, remarcan que “a diminución do Sistema Público de Saúde implica un recorte dos nosos salarios. Mediante a cotización á Seguridade Social financiamos os servizos sanitarios, e se o goberno non garante un servizo da calidade está reducindo o noso salario indirecto”.

Reducir as listas de espera, recuperar as consultas presenciais ou dotar aos centros de saúde públicos dos medios e o persoal necesario son algunhas das reivindicacións da Plataforma para “recuperar unha sanidade pública de calidade”. En concreto, salientan a necesidade, cando menos, do reforzo do persoal de pediatría no PAC de Ponteareas, dunha médica de familia en Mondariz ou da apertura das consultas pola tarde no Centro de saúde de Salvaterra.
Así mesmo, tamén reivindican que se retomen as campañas de prevención e educación na saúde para as persoas con enfermidades crónicas, que se poña en marcha o servizo de Saúde Mental en Ponteareas e que se cubran as entradas dos Centros de Saúde para que as persoas non teñan que agardar pola súa quenda á intemperie.
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado agradece á veciñanza que se manifestou, e chama á “mobilización permanente para cambiar as políticas do PP na Xunta”. Nesta liña, animan a toda a veciñanza a sumarse ás mobilizacións convocadas na comarca. A vindeira cita será o mércores 15 ás 20:30 horas ante o Centro de Saúde de Ponteareas.