Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas remodelará a Casa do Concello para mellorar a súa eficiencia enerxética

Contará cun investimento de 485 000 € cofinanciados a través do IDAE e do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra

Ponteareas remodelará a Casa do Concello para mellorar a eficiencia enerxética de todo o inmoble, construído en 1898 e catalogado como ben de Patrimonio Cultural. Xa está aberto o proceso de licitación para a primeira fase da rehabilitación enerxética da envolvente térmica e a reforma interior de varios espazos do edificio, o que suporá unha optimización da enerxía consumida e mellorará o confort interior das estancias.

“Dende o Concello continuamos traballando para facer de Ponteareas unha vila máis sustentábel, poñendo en marcha todas aquelas actuacións necesarias para que as nosas instalacións sexan o máis sostíbeis posíbel”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Entre as actuacións que se levarán a cabo está a mellora da transmitancia térmica de cerramentos verticais e da cuberta, substituíndo o revestimento interior existente para un maior illamento térmico, así como a reforma da instalación eléctrica ou a substitución de lucernarios e fiestras por outros de alta eficiencia enerxética que permitan a ventilación natural do espazo en épocas cálidas, entre outras actuacións.

Estas obras xa están en licitación por un orzamento total de 485 000 euros que serán cofinanciados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica; polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e por fondos propios do Concello de Ponteareas.

Empresas e persoas profesionais interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro 16 de marzo de 2022 ás 14.00 horas.