Domingo, 11 Maio de 2025

Ponteareas, presente nas IV Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia

Cando se pensa nos dereitos da infancia e da adolescencia, poucas veces pénsase no dereito a participar, a ser informados, a expresar a súa opinión e a ser tidos en conta á hora de buscar solucións comúns aos asuntos que lles afectan. Para continuar fomentando e promovendo esa participación infantil e adolescente na vila, Ponteareas estivo presente este 14 e 15 de decembro nas IV Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia en Galicia, que organiza UNICEF para persoal técnico e político de diferentes concellos galegos.

Trátase dun encontro en liña no que participou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, e que contou este mércores 15 coa intervención de Juan Vázquez Alves, representante do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia de Ponteareas. No apartado ‘A voz da infancia galega’, Juan encargouse de contar a súa experiencia no IX Foro de Participación Infantil e Adolescente celebrado o pasado mes de novembro no Parlemento de Galicia, así como de reflexionar sobre a necesidade e importancia de que estas opinións sexan contadas e tidas en conta.

O encontro celebrouse de xeito telemático e tiña por obxectivo capacitar ao persoal dos municipios de Galicia en políticas de infancia, ofrecendo ferramentas que axuden a mellorar as súas políticas de fomento da participación infantil e adolescente no ámbito local, ademais de facilitar un lugar de encontro onde compartir experiencias que poidan servir de estímulo para outros concellos que están no camiño de acadar o recoñecemento da Cidade Amiga da Infancia.

A concelleira amosouse “moi orgullosa do traballo que está a desenvolver a rapazada ponteareá” e salientou “a grande oportunidade que supón para todas e todos nós participar nunhas xornadas deste tipo para que as persoas que traballamos nas institucións públicas poidamos seguir escoitando aos nenos e nenas e continuar aprendendo”.