O Concello de Pontearas vén de anunciar a posta en marcha o servizo de baleirado de fosas sépticas e pozos negros trala publicación este venres da Ordenanza reguladora que permite iniciar a tramitación das solicitudes a partir deste luns 24 de agosto. Este novo servizo municipal é financiado con fondos propios do Concello subvencionando así o coste do servizo.
“Os veciños e veciñas que precisen baleirar a súa fosa séptica terán que pagar únicamente 45,72 euros por cada baleirado, exactamente o mesmo que a taxa anual dos fogares que dispoñen de saneamento municipal” manifestou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, que indicou que o Concello subvenciona cada servizo con case douscentos euros, “así evitamos a discriminación actual entre os que teñan servizo de saneamento e só pagan a cota anual e os que asumen o custe total de baleirado por carecer de saneamento.
O servizo de baleirado de fosas sépticas forma parte da planificación posta en marcha polo goberno actual desde 2015, “temporalmente contarán con este servizo os máis de 7.500 veciños e veciñas que carecen de saneamento, mentres non se achega a rede de sumidoiros a todas as casas tal como está previsto no plan director de saneamento” declarou Represas, resaltando tamén que esta é tamén unha actuación responsable co medio ambiente ao garantir o tratamento das augas residuais das fosas sépticas e pozos negros nunha estación depuradora de augas residuais (EDAR).
O Concello remitirá á veciñanza un folleto informativo no que se detalla a tramitación a realizar. Ademais, a partir deste luns, poderáse consultar por teléfono toda a información sobre este novo servizo de baleirado de fosas sépticas: 663 442 883 e 986 640 000 ext.1052, consultas que tamén se poden realizar por correo electrónico: [email protected]
Os pasos a seguir que tamén poderán consultarse despois deste luns na web municipal; ponteareas.gal, e tramitarse a través da sede electrónica do Concello, resúmense na tramitación da solicitude do servizo de baleirado con copia do NIF así como copia do xustificante de ingreso do coste do servizo, 45,72 euros. No momento no que a tramitación esté completa, o servizo será realizado nun prazo máximo de 3 días hábiles.