O Concello de Ponteareas oferta un curso en liña de Lingua de Signos (Nivel A1.1) e, en menos de 48 horas, as solicitudes de inscrición xa case duplican o seu aforo total. Ante tal demanda, a Concellaría de Cultura decidiu organizar un segundo curso coas mesmas características. Ambos os cursos inícianse o 2 de marzo e desenvolveranse durante os martes e xoves de marzo e abril, en horario de 18 a 20 horas, o primeiro, e de 19 a 21 horas, o segundo.
O curso, de balde e totalmente en liña, consta dunha duración total de 30 horas, 20 delas son de sesións lectivas en grupo en directo e as 10 restantes de actividades individuais e titorías.
“Queremos ofrecerlle á veciñanza actividades interesantes e seguras neste tempos de crise sanitaria e de restricións da mobilidade. Pensamos, xa que logo, en sacar a convocatoria para aprender lingua de signos porque cumpría as dúas características e semella que así o ratifica o número de persoas solicitantes” sinala Fernando Groba, concelleiro das áreas de Cultura e Lingua. “Aprender a falar coas persoas que non nos poden escoitar debería ser unha materia de obrigada aprendizaxe no ensino regrado para eliminar esas posíbeis barreiras que adoito vivimos na nosa sociedade” sinala o edil nacionalista.
Dende o Departamento de Cultura avisarán as persoas que se anotaron por rexistro de entrada e teñen praza para os cursos. Coas solicitudes das persoas que non conseguiron entrar en ningún dos dous grupos abrirán unha listaxe de agarda por se houber algunha baixa durante os primeiros días.