Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas, no nivel 1 de alerta sanitaria con menos de sete novos casos á semana nos últimos sete días

O Concello subliña que a situación epidemiolóxica pola Covid-19 en Ponteareas, segundo comunica á Xunta, é similar ás últimas semanas

A concelleira de saúde de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, sinalou onte que, segundo os datos recibidos da Xunta de Galicia a través da FEGAMP na tarde do pasado xoves e da Coordinadora do Centro de Saúde de Ponteareas, a situación epidemiolóxica do concello de Ponteareas “mantense na mesma situación nas útlimas semanas, entre o nivel 1 e o nivel 2”, de feito, sinala Fernández Davila, “nos últimos 14 días o nivel é 2 pero en cambio si vemos os resultados facilitados pola Xunta nos últimos 7 días o nivel é 1”.

O Concello de Ponteareas está en contacto permanente coa persoa responsable da Covid-19 no Centro de Saúde local e adoptando as medidas que, en cada momento, se consideran máis axeitadas seguindo as recomendacións sanitarias da Xunta de Galicia en canto aos servizos municipais máis sensibles como a Residencia de Maiores e a Escola Infantil, así como os espazos públicos, sen que neste momento se nos comunicara a adopción de ningunha medida distinta das que xa temos implementado neste momento.

O Concello, que fai unha vez máis un chamamento á poboación “a extremar en todo momento as medidas de prevención xa coñecidas, seguirá actuando con responsabilidade como leva facendo dende o 14 de marzo cando se decretou o Estado de alarma”, e seguirá estando coordinado coas autoridades sanitarias da Xunta de Galicia.

Segundo o Concello ponteareán, os resultados destes meses son coñecidos e non vai entrar en ningunha polémica con ningunha forza política sobre este tema “porque os esforzos hai que invertilos en reducir a epidemia”.