Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas mellorará a eficiencia enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais de Prado, Padróns e A Freixa

Contará cun investimento de case 119.000€ cofinanciados a través do IDAE e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Concello de Ponteareas abriu o proceso de licitación para a mellora da eficiencia enerxética nas estacións depuradoras de augas residuais tipo SMA de Prado, Padróns e A Freixa. O obxectivo é instalar equipos electromecánicos e implementar sistemas que permitan unha regulación do proceso, axeitando a demanda enerxética ás necesidades de depuración de cada unha destas tres EDAR. “Continuamos traballando para facer de Ponteareas unha vila máis sustentábel ao tempo que melloramos os servizos dos que goza a veciñanza”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Estas actuacións complementaranse coa colocación de equipos de desbaste automáticos que mellorarán a eliminación de sólidos das augas, “o que suporá á súa vez unha redución do gasto enerxético e unha mellor calidade das augas”, recorda a concelleira de Infraestruturas Básicas, Lola Covelo.

As obras de mellora saen a licitación cun orzamento de case 119.000 euros que serán cofinanciados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica, e polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

Empresas e profesionais interesados en presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro 2 de marzo de 2022 ás 14.00 horas.