Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas mellora o procedemento para autorizar espectáculos públicos

O concelleiro de Bo Goberno, Transparencia e Participación Cidadá, Roberto Mera, manterá un encontro con colectivos sociais e hosteleiros que promoven a celebración de espectáculos públicos. O obxecto desta reunión –que terá lugar o vindeiro martes ás 20:30 h, na sala multiusos do Auditorio Reveriano Soutullo–, é informar sobre o procedemento de autorización de espectáculos en espazos públicos e presentarlle o formulario deseñado para a solicitude de espazos públicos.

Nas últimas semanas a concellaría realizou unha revisión do procedemento implantando un novo método que permite gañar en eficacia, axilidade e seguridade. O procedemento adaptouse á nova Lei de Espectáculos de Galicia e, segundo Mera, “permite protexer e dar seguridade xurídica aos promotores e organizadores de eventos e ao público que asiste ao mesmo, ao esixirse o seguro de responsabilidade civil así como a certificación de que as estruturas e instalacións que se empreguen, como carpas ou escenarios, cumpren coa normativa en materia de seguridade”. O novo procedemento garante ademais a coordinación de todas as concellarías que interveñan no evento, ao tramitarse desde unha única unidade administrativa municipal.

Para facilitar a tramitación das solicitudes o Concello elaborou un completo formulario no que os interesados deben recoller todos os datos do evento, incluidos os horarios de inicio e finalización, así como as estruturas e instalacións que van empregar. No mesmo formulario os promotores poden concretar a colaboración que solicitan do concello, como iluminación, Protección Civil ou Policía Local, colectores de lixo, etc. O formulario tamén recolle unha serie de pautas ás que deben atender os promotores, entre elas, facer a solicitude con 45 días de antelación, non anunciar o evento mentres non estea autorizado, deixar o espazo en perfecto estado de limpeza e cumprir os horarios nos que se autorice o evento. Roberto Mera revisará cos e coas asistentes este formulario e incorporará as posibles aportacións que se suxiran se así se acorda.

Esta medida enmárcase no obxectivo do Goberno local de mellorar a convivencia cidadá.