O goberno municipal de Ponteareas, formado polo BNG e PSdG-PSOE, avaliou hoxe o proxecto de orzamentos presentado polo goberno do Estado para o seu debate e aprobación no Congresos dos Deputados. No documento non figura ningunha partida específica para a seguridade viaria na N-120 ao seu paso por Ponteareas, para a variante prevense só 100.000 euros e respecto á ampliación da depuradora orzaméntanse 10 millóns de euros.
A alcaldesa Cristina Fernández, e a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, consideraron “inaceptábeis para Ponteareas” as previsións do Ministerio de Mobilidade e esixiron que se recolla unha partida específica para o proxecto de mellora da seguridade na N-120, cuxo custo está cifrado no proxecto do Ministerio nuns 4 millóns de euros. “O goberno do Estado debe cumprir o seu compromiso con Ponteareas e esa cantidade debe figurar expresamente nos orzamentos para a seguridade viaria en Ponteareas”, sinalaron Fernández e Garrote.
A alcaldesa e a primeira tenente de alcaldesa confían en que o trámite de emendas aos orzamentos permita corrixir ese erro. “Para Ponteareas é algo irrenunciábel e innegociábel, é unha débeda histórica que se debe cumprir e os compromisos do Estado con Ponteareas deben ter o seu reflexo nos orzamentos”, sinalaron Fernández e Garrote.
Respecto á variante, nas previsións dos orzamentos para 2022 unicamente figuran 100.000 euros. “Esiximos que de xeito inmediato o Ministerio concrete e entregue ao Concello un calendario coas actuacións necesarias para executar a obra nos vindeiros anos e coas contías que deberán figurar no orzamento de 2022 e dos seguintes anos para verificar o seu cumprimento”, sinalaron Fernández e Garrote, que lembraron que “esta información foi solicitada en agosto e reiterada hai dúas semanas”. A alcaldesa e a segunda tenente de alcaldesa adiantaron que “se está a xestionar unha reunión urxente cos máximos responsábeis do Ministerio para obter esta información antes de que conclúa o trámite de aprobación dos orzamentos”.
Dende o goberno local traballarase nos vindeiros días en tres direccións: por unha banda cos representantes do goberno do Estado e do Ministerio de Mobilidade, por outra cos grupos parlamentarios e, por último, cos colectivos sociais que recentemente, a iniciativa do Concello, se organizaron nunha fronte social e política para reivindicar e lograr eses investimentos para Ponteareas. Co goberno do Estado e cos grupos parlamentarios negociarase a inclusión das partidas nos orzamentos e cos colectivos sociais acordaranse as medidas de presión social a adoptar para lograr ese obxectivo.
Por último o goberno local destaca que os orzamentos recollen 10 millóns de euros para executar a obra de ampliación da estación depuradora da Moscadeira que porá fin á contaminación do Tea en Ponteareas e permitirá acometer as obras de saneamento nas parroquias que carecen deste servizo esencial. “Trátase dun investimento histórico que evidencia como nestes anos o goberno municipal traballou con seriedade para resolver un problema arrastrado dende hai 25 anos”, salientaron Cristina Fernández e Chus Garrote.