18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas elabora un plan integral para converter a área fluvial da Freixa-San...

    Ponteareas elabora un plan integral para converter a área fluvial da Freixa-San Roque nun excepcional espazo natural e de ocio

    Ponteareas quere converter a área fluvial da Freixa-San Roque, no río Tea, nun excepcional espazo público, natural e de ocio. O Concello traballa na elaboración dun plan integral para que este amplísimo espazo acade os niveis de calidade e excelencia á altura das mellores áreas destas características existentes no país ou no norte de Portugal. Para o goberno do BNG-PSOE existe dende sempre a necesidade de valorizar este espazo, integralo e conectalo de xeito atractivo coa zona urbana e protexer os seus valores ambientais e patrimoniais. “Agora chegou o momento de facelo con rigor, estudo, planificación e con proxectos ambiciosos que convertan este lugar de enorme potencial na área fluvial de referencia no sur de Galicia”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

    A rexedora lembrou que a área da Freixa-San Roque é un espazo de altísimo valor ambiental, cun interesante patrimonio cultural e arquitectónico, con enormes posibilidades para o lecer, o xogo, o deporte, o turismo ou a educación ambiental, “pero onde hai moito por facer.  Do que se trata agora é de definir con claridade como queremos que sexa nun futuro moi próximo a área da Freixa-San Roque e traballar a reo para facelo realidade nos vindeiros anos cunha boa xestión dos recursos económicos, especialmente os da Unión Europea, que Ponteareas ven aproveitando con éxito nos últimos anos”, engadiu Cristina Fernández. A alcaldesa lembrou ademais a aposta do Concello pola descontaminación do río Tea coa próxima ampliación da Estación Depuradora da Moscadeira.

    Para decidir como será ese espazo de futuro, o Concello quere contar coa opinión da veciñanza, das persoas usuarias e do sector turístico. Para iso púxose en marcha unha enquisa en liña a través da que toda a poboación poderá achegar as súas ideas e suxestións. Este proceso participativo arrancou xa coa presentación a diferentes colectivos sociais, clubs e asociacións deportivas das liñas xerais do proxecto, que suporá “un antes e un despois neste entorno natural, cunha acción que estará presidida pola protección dos valores ambientais e patrimoniais, a mellora e creación de novos espazos de ocio e deporte, a conexión atractiva e segura co centro urbano e a potenciación económica mediante a recuperación do cámping ou a mellora da praia fluvial”, destaca a concelleira de Promoción Económica, Eva Gil.

    Entre outras accións a levar a cabo, Ponteareas preparará a súa candidatura para acadar un Plan de Sostibilidade Turística en Destino, unha ferramenta do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo coa que se busca impulsar a transformación dos destinos turísticos cara a sostibilidade. Este plan, do que se poderá beneficiar o espazo da Freixa-San Roque estará centrado na recuperación de espazos, na mellora da oferta de aloxamento e restauración, na gastronomía con produto local e na xestión do espazo e permitirá optar aos fondos europeos Next Generation para a financiación do proxecto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.