Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas ‘desconfina’, de vez, as Letras para homenaxear a Xela Arias e o galego por todo o alto

O Concello de Ponteareas celebrará o Día das Letras Galegas con diversas actividades durante o resto mes de maio para seguir divulgando a figura e obra de Xela Arias e homenaxear a lingua galega. Faino logo de acoller dúas xornadas das Convergências Portugal-Galiza para homenaxear á propia Rosalía de Castro e ao Zeca Afonso os pasados días 7 e 8 e de dispoñer dun expositor na biblioteca municipal con boa parte da obra de Xela Arias.

Así mesmo, lanzou tamén a iniciativa ‘Xela na túa voz’, na que convida a calquera persoa a gravarse recitando ou lendo algún texto de escritora de Sarria e lle envíen os vídeos para divulgar nas súas redes sociais.

Durante a fin de semana das Letras, o Concello repartirá entre as panadarías de Ponteareas bolsas para pan difusoras da figura de Xela Arias, cunha breve reseña e uns poemas da homenaxeada, así como se difunde a poetisa ponteareá Emilia Estévez Villaverde co obxectivo de pór en valor figuras das letras ponteareás.

O concelleiro de Lingua, o nacionalista Fernando Groba, salienta e agradece a colaboración das panadarías de Ponteareas que, dende hai uns anos, reparten estas bolsas conmemorativas entre a súa clientela, axudando así a divulgar figuras tan importantes para a nosa lingua e cultura.

Por outra banda, o día 15 de maio, Ponteareas acollerá a obra de teatro Clausura do amor, a cargo do grupo Cámara Negra Teatro. Trátase do texto máis representado do francés Pascal Rambert e chega a Ponteareas na súa versión en galego, interpretada pola actriz Teté García e por Xosé M. Esperante baixo a dirección de Carlos Álvarez-Ossorio.

Ao día seguinte, o domingo 16, o Concello organiza, xunto coa Asociación de Maiores de Ponteareas, a presentación do libro Poemas de outono, un volume que xurdiu froito da creación de persoas desta asociación. O evento consistirá nun recital das propias autoras e autores e estará acompañado da actuación das pandeireteiras “Mestura”.

E xa no día central, o día 17 de maio, o consistorio levará adiante a “Gala da Lingua”. Este acto, que terá como protagonista un recital musicado centrado na propia Xela e que correrá por conta de Samuel Merino e Fernán Permuy, será presentado pola escritora e investigadora Anabel Antela e contará con intérprete en lingua de signos. Nel, o Concello de Ponteareas entregará os Premios “Ponteareas, Lingua e Empresa” 2020, a través dos cales recoñece as persoas ou empresas que, día a día, achegan a lingua, dun xeito normal, aos consumidores e consumidoras e contribúen, deste xeito, ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial. Ademais, farase entrega dos Premios dos VI Xogos Florais, o certame de poesía que posúe categoría xuvenil e de adultos e que agracian a creación en lingua galega.