Venres, 2 Maio de 2025

Ponteareas convoca novas axudas de apoio á creación e consolidación de emprego

As axudas por contratación a mocidade chegarán ata 3.000 € e o prazo para presentar solicitudes rematará o vindeiro 1 de decembro

O concello de Ponteareas abre o prazo para as axudas de apoio á creación e consolidación de emprego por parte da iniciativa privada na localidade. A subvención foi publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) de onte, 21 de novembro, e a cuantía ascende a 39.000 €. O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e remata o vindeiro 1 de decembro tendo os e as interesadas dez días naturais para presentarse. As bases e os impresos pódense atopar na páxina web do concello de Ponteareas ou no seguinte enlace.

Poderán beneficiarse das axudas, tanto os emprendedores a título individual que acceden por primeira vez ao mercado laboral como empresas e autónomos que queiran contratar novo persoal ou aquelas que vaian mudar a modalidade dos contratos temporais a indefinidos.

Novidades

Esta convocatoria fai especial fincapé no fomento da contratación da mocidade nas empresas locais, unha das primeiras medidas que se inclúe no Plan de Mocidade que a concellería que dirixe Miguel Bouzó está ultimando para a súa consulta pública e posta en marcha para ser executado de xeito transversal coa Concelleira de Formación e Emprego que dirixe Vanesa Fernández. Deste xeito, esta liña de axudas incentiva e reforza á contratación de menores de 36 anos de idade incrementando a cuantía correspondente nun 50% chegando ata os 3.000€.

Estas axudas foron implantadas no ano 2015 pola decisión persoal do alcalde Xosé Represas de destinar a ese fin a partida do presuposto reservada para o seu salario ao que renunciou. Ao abeiro deste programa, un total de 82 traballadores e traballadoras xa foron contratados/as e consolidados/as como indefinidos neste último mandato grazas a estas axudas.

Xosé Represas salientou que, con estas iniciativas, “respóndese á principal preocupación dos e das ponteareás: o emprego, prioridade para este goberno que por vez primeira e durante catro anos consecutivos adica recursos a apoiar e incentivar a creación de emprego por parte da iniciativa privada”.