9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas comeza a esterilización das súas 17 colonias felinas

    Ponteareas comeza a esterilización das súas 17 colonias felinas

    O Concello priorizará a intervención nos espazos que acumulan máis queixas da veciñanza

    O Concello de Ponteareas, a través da concellaría de Medio Ambiente que dirixe Rosa Covelo Alonso, comezou a esterilización das 17 colonias felinas que hai na vila. Nestas semanas xa hai dúas completamente tratadas, e xa se comezou a capturar aos gatos dunha terceira. “Priorizamos as intervencións nos espazos que acumulan máis queixas da veciñanza, sexa por problemas sanitarios, ruídos, alimentación…”, explica a edil.

    O Concello, en colaboración coa Asociación Biosbardos, está a aplicar a estratexia C.E.S (Capturar-Esterilizar-Soltar), que supón atrapar a maior cantidade de gatos da colonia, tanto machos como femias, para, posteriormente, esterilízalos. Unha vez pasadas 48 horas de recuperación, sóltanse na súa colonia cun marcadorque facilita a súa posterior identificación e control. Este método é o recomendado pola Organización Mundial da Saúde para evitar a proliferación dos felinos.

    Rosa Covelo destaca que a estratexia que están a seguir no Concello é a máis eficiente na optimización e inversión de recursos, facilita a xestión da adopción dos felinos, diminúe o gasto público e privado no control de pragas, xa que espantan outros animais coma as ratas, mellora o benestar social, tanto animal como humano, prevén os brotes de enfermidades, mantén boas condicións de hixiene nas colonias, e, por suposto, reduce en gran medida a poboación de felinos de maneira sostible e ética co seu benestar.

    Ademais da esterilización, o Concello tamén está a acometer a limpeza das colonias. “Queremos facer de Ponteareas un lugar sostible no que os animais que nos rodean e as persoas podan convivir en harmonía”, conclúe a concelleira.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.