Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas aproba unha iniciativa do BNG solicitando fondos para afrontar gastos derivados da COVID-19

Lembran que Ponteareas asumiu novos gastos impropios nos centros educativos

O Pleno Ordinario da Corporación Municipal de Ponteareas vén de aprobar, cos únicos votos en contra do PP, unha iniciativa do BNG na que se reclama a tramitación urxente e extraordinaria dun Decreto por parte do goberno español que contemple fondos para que os Concellos poidan afrontar a crise sanitaria, social e económica derivada da COVID-19. Ademais, a iniciativa do Bloque solicita a derrogación da Lei 2/2012 de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, “para permitir ás entidades locais atender as competencias propias con cargo aos remanentes e superávit”.

A portavoz municipal do BNG en Ponteareas, Cristina Fdez. Davila, sinalou que “o Congreso xa rexeitou o Decreto que pretendía que fose o goberno do Estado quen utilizase os fondos remanentes dos Concellos, é dicir, o diñeiro que non se investiu rematado o propio ano”.

“É fundamental garantir que a posibilidade de utilización de fondos por parte dos concellos non sexa utilizado por outras Administracións para buscar financiamento mentres as entidades locais asumen competencias impropias, cargando así sobre os municipios o custo de servizos que non poden nin deben ser asumidos”, sinalou Fdez. Davila.

A portavoz nacionalista lembrou que en Ponteareas “ademais dos servizos impropios que levamos décadas asumindo polo abandono da Xunta, agora fixémonos cargo dende o goberno local de hixienizar os centros educativos en horario lectivo por responsabilidade ante a pandemia da COVID-19”.

Fernández Davila insistiu en que “o ensino é unha competencia da Xunta, pero ademais estamos ante unha pandemia sanitaria, e sendo a sanidade tamén unha competencia autonómica o goberno galego debe asumir as súas competencias e prestar este servizo ou, demostrada a súa incapacidade, destinar os recursos necesarios aos Concellos para combater a pandemia nos centros educativos.”