O Concello de Ponteareas amosa a súa satisfacción ante o principio de acordo acadado coa Xunta de Galicia para a reforma e explotación da Estación de Autobuses. Segundo a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, “logo de bastantes meses de intensas negociacións, o acordo está encarreirado para acometer no vindeiro ano unha mellora substancial tanto das instalacións como do propio servizo”.
A comisión negociadora coa Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade estivo formada pola propia rexedora, así como polo primeiro e pola segunda tenente de alcalde, Roberto Mera e Chus Garrote, respectivamente. Nas numerosas reunións e contactos mantidos ao longo do último ano concretouse o proxecto de remodelación do edificio atendendo os intereses municipais e avaliáronse os termos económicos do acordo e a futura xestión do servizo de Estación de Autobuses.
Cristina Fernández salientou que o acordo a pechar nos vindeiros días “será moi beneficioso para os intereses da veciñanza de Ponteareas”. Por unha banda, a remodelación integral da Estación converterá a súa primeira planta nun novo espazo administrativo do Concello que contará con até once oficinas para servizos municipais e unha sala de xuntas.
A planta baixa destinada a Estación tamén será reformada e mellorada de maneira substancial. Ao mesmo tempo, a Xunta licitará e adxudicará o servizo de Estación de Autobuses que até agora prestaba o Concello asumindo os custos e o déficit que xeraba, “unha boa nova polo aforro que suporá para as arcas municipais”, como explicou a segunda tenente de alcalde, Chus Garrote.
A alcaldesa puxo en valor “a capacidade de diálogo e negociación do goberno municipal. Logramos con outra administración, e nunha ardua negociación, un principio de acordo que será moi positivo para Ponteareas e cuxos resultados se verán de inmediato coa mellora do servizo de Estación e con novas instalacións de calidade no mesmo edificio destinadas a outros servizos municipais”.