9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas acollerá en outubro seis nova accións do «Smartpeme»

    Ponteareas acollerá en outubro seis nova accións do «Smartpeme»

    As iniciativas están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades

    A Deputación de Pontevedra programou para este mes de outubro seis novas accións formativas do programa «Smartpeme» que comezan mañá en Ponteareas. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade.

    Deste xeito, «SmartPeme» oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas

    Así, os cursos que se impartirán dende o 1 ata o 30 de outubro serán os seguintes: Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet, que se desenvolverá o 1 de outubro entre as 18 e as 21 horas; Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores, que será o martes 8 de outubro de 19 a 21 horas; O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram, cuxa realización será entre as 19 e as 21 horas do xoves 17 de outubro; Emprego de vídeo nas redes sociais: Youtube, que se desenvolverá o martes 22 de outubro de 19 a 21 horas; Copywriting para a promoción de tours, experiencias e actividades, o martes 29 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional, que se impartirá o mércores 30 de outubro entre as 18 e as 21 horas.

    A totalidade destes obradoiros será impartida no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea, Ponteareas). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.