Na I Gala de Calidade Turística Condado Paradanta repartíronse 24 dos 35 distintivos de calidade do Sistema Integral de Calidad Turística Española en Destinos (SICTED). Nove deles xa foron asignados o ano pasado e, ao posuíren unha periodicidade bianual, foron renovados de forma automática. Dos 35 selos, Ponteareas acadou dez, sendo seis de nova adquisición: tres para dependencias do propio Concello e sete para empresas que desempeñan o seu labor na vila do Tea. Os seis novos selos foron para o Museo Municipal de Ponteareas, o Punto de Información Turística de Ponteareas situado no edificio da biblioteca municipal, o Centro de Interpretación do río Tea (CITEA), a Confitería Ancla, a axencia de viaxes B The Travel Brand e a Adega Rubén. E mantéñeno, por un ano máis: a Coastine, a Xanela Gastronómica, a Casa da Urcela, a Casa do Cribeiro.
Así mesmo, fíxose entrega dos premios do concurso fotográfico GDR Condado Paradanta 2020. No que respecta ás persoas gañadoras, houbo tamén dúas persoas de Ponteareas que foron galardoadas: Diego Castelo, que gañou o 1º premio da categoría nocturna do xurado e o 2º da mesma categoría que outorgou o público coa fotografía “Camiño de estrelas”, así como o 1º premio da categoría diúrna do xurado con “Mar de nubes”; e Delicio Besada, que se fixo co 2º premio da categoría nocturna do xurado coa súa instantánea “Vía Láctea dende San Nomedio”.
[su_image_carousel source=”media: 36680,36679,36678,36677″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]
Cristina Fernández Davila, alcaldesa en funcións do Concello de Ponteareas, foi a persoa encargada de entregar os distintivos SICTED ás empresas locais. “É moi importante que se valoren e se visualicen todos aqueles recursos turísticos que posúe o noso municipio para dinamizar un sector, o turístico, que é tan potencial como descoñecido” sinala a rexedora. “Dende o Concello, agradecémoslle ao GDR Condado Paradanta o seu labor e todas estas consideracións e felicitamos ás áreas municipais distinguidas, a todas as empresas que acadaron ou manteñen os ditos emblemas e aos fotógrafos premiados”.
A gala realizouse no Balneario de Mondariz e foi presentada pola actriz e presentadora ponteareá Cristina Maró e amenizada pola cantante –tamén ponteareá– María Reirís. Contou coa presenza do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; do presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo; das alcaldesas e alcaldes que a el pertencen; por todas as persoas que representaban a todas as empresas premiadas; así como das persoas gañadoras do concurso fotográfico que convocou o GDR no ano 2020.