Venres, 2 Maio de 2025

Ponteareas abre o proceso de participación para a humanización de tres novas rúas

O Goberno consultará coa veciñanza o deseño das rúas Daniel Ojea, Mestres e Vázquez Fraile, nunha reunión que terá lugar o venres 22 ás 20:30 horas no Salón de Plenos

O Concello de Ponteareas vén de abrir o proceso de participación para o deseño das rúas Daniel Ojea, rúa dos Mestres e rúa Vázquez Fraile, para o que convocou á veciñanza da zona a unha reunión que terá lugar este venres, día 22 de novembro, ás 20:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello.

No encontro participarán o alcalde Xosé Represas; o concelleiro de Mobilidade e Participación Cidadá, Roberto Mera e a concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote.

Como vén sendo xa norma habitual dende o pasado mandato á hora de facer obras de humanización, con esta reunión o Goberno local quere escoitar a opinión veciñal sobre as problemáticas actuais das rúas e as súas ideas de como lles gustaría que foran.

A información recollida nesta reunión será tida en conta no futuro para os proxectos técnicos de reforma e humanización que se someterá igualmente a consulta pública para que, a transformación futura das rúas, sexa o resultado do máximo consenso cidadá.

Estas tres rúas foron deseñadas no seu día dacordo cun modelo de vila no que imperaba o aproveitamento máximo dos solares para obter un alto beneficio urbanístico, a creación de rúas estreitas, con beirarrúas insuficientes e sen arborado ou con arborado inapropiado e a carón dos edificios.

O goberno local quere revertir esta situación e reconducir o estado da vila transformando o centro urbano nun lugar habitabel e para que a transformación sexa eficaz e exitosa é preciso contar coa veciñanza que é a que coñece a realidade diaria das rúas.

O concello realizou estes días na rúa dos Mestres e Daniel Ojea obras de mellora do firme das beirarrúas afectadas polas raíces do arborado e a retirada destas árbores. para solucionar os problemas de seguridade e mobilidade que conlevaba o deterioro desas beirarrúas.