Sábado, 3 Maio de 2025

Os viais das parroquias ponteareás de Fozara e Paredes serán obxecto de obras de mellora

A Concellería de Vías e Obras destina máis de 114.944,51 euros para a mellora dos viais que comunican ámbalas dúas parroquias

A Concellería de Vías e Obras do Concello de Ponteareas, dirixida pola socialista Chus Garrote, continúa a traballar na mellora das condicións dos viais das parroquias para mellorar as súas condicións de seguridade e mellorar a mobilidade das veciñas e veciños.

Así, hai tres semanas adxudicouse e formalizouse un contrato dividido en dous lotes. Un deles para a mellora de accesos no lugar de o Toucedo en Paredes, e o segundo para a pavimentación do camiño municipal no barrio de Outeiro de Castro en Fozara.

Á licitación levouse a cabo mediante o procedemento de contratación aberto simplificado con oferta integradora, e para cada un dos lotes presentáronse un total de once empresas. O lote un foi adxudicado á empresa Narom S.L. e o lote dous á empresa Asfalgal técniccas viarias S.L. Os importes de adxudicación dos lotes acadaron as cuantías de 60.962,79 euros e 53.981,72 euros respectivamente.

A financiación da obra divídese en tres partes. Para o lote un a financiación é do 100% pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2020 e para o lote dous o 80% o financia a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a través do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021 e o 20% restante finánciase con fondos propios do Concello.

A concelleira de Vías e Obras sinala a “importancia de investir no rural para mellorar as comunicacións dos veciños e veciñas e que poidan ter así acceso a distintos servizos públicos de primeira necesidade”.

As obras, que incluíron a limpeza de cunetas e a nova capa de rodadura, están a piques de rematar e, tanto para o vial de Paredes coma para o vial de Fozara, ampliouse o prazo de garantía ata 60 meses.