A concellería de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó convoca unha nova acción de compromiso medioambiental enmarcada dentro da iniciativa ‘Venres polo planeta’. A mocidade e todas as persoas que o desexen, poderán colaborar na limpeza do monte da parroquia de Prado este venres día 8 de novembro.
A acción desenvolverase de 16 a 18 horas e o punto de encontro será a igrexa San Nicolao de Prado.
Tan só é preciso ir equipados de luvas e botas e confirmar asistencia inscribíndose no enderezo electrónico [email protected] ou no número de teléfono 687 764 516.
Un venres de cada dous a mocidade e o voluntariado limparán un recuncho do patrimonio natural de Ponteareas. Os ‘Venres polo Planeta’ son un dos primeiros pasos que a concellería de Miguel Bouzó puxo en marcha para dar cumprimento ao aprobado no pasado pleno ordinario para incrementar as accións encamiñadas a frear a crise climática.
Dese xeito, dábase resposta ao cumprimento do obxectivo de desenvolvemento sostible número 13 relacionado coa accións de compromiso polo clima.
Os ‘Venres polo planeta’ camiñan ademais na liña da estratexia de futuro ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’ e promoven a participación e a implicación na procura dunha vila máis sostible e respectuosa co medio ambiente.