Domingo, 4 Maio de 2025

O silencioso berro de Ponteareas contra a violencia machista

Os silencios, moitas veces, din máis que os berros e esta mañá a Corporación Municipal de Ponteareas e a veciñanza, converteron o seu silencio nun grito que dicía “basta xa” á violencia machista. Hai problemas –máis ben lacras sociais– ante as que non cabe división nin medias tintas. O silencio, neste caso, é sinónimo de complicidade porque, o dixemos moitas veces e o seguiremos facendo cantas sexa preciso, coa violencia machista se non se é parte da solución estase a ser parte do problema.

Contra a violencia machista ou se está ou non se está. As persoas e colectivos que tentan poñerlle “peros” ou acotacións a esta lacra da nosa sociedade, atrasan a saída do túnel e a posibilidade de acadar unha solución definitiva. Ese atraso, por se a alguén se lle esquece, custa vidas.

Hoxe Ponteareas dixo non, un non reflectido nun comunicado asinado por todos os grupos da Corporación, sen distinción de cores, ao que deu lectura a concelleira de Igualdade Verónica Carrera.

Nesa liña, toda a Corporación de xeito unánime, animaba á cidadanía á hora de erradicar a violencia “denunciando e descubrindo ante as autoridades accións e actitudes impropias nunha sociedade cívica, respectuosa e avanzada”