Sábado, 3 Maio de 2025

O Servizo de Orientación Laboral de Ponteareas asesora ao alumnado dos centros educativos

A orientadora laboral, dependente da Concellería de Formación e Emprego, ofrecerá asesoramento sobre saídas formativas e laborais nos centros educativos da comarca do Condado

A concellería de Formación e Emprego, que dirixe Vanesa Fernández, informa que o servizo de orientación laboral do concello de Ponteareas comezou as visitas aos centros educativos da comarca do Condado para informar ao alumnado das saídas laborais e tamén da oferta de estudos da que dispón.

En concreto, esta nova rolda de visitas e charlas, que imparte a orientadora laboral Isabel Illán, comezaron no IES Pazo da Merced do concello das Neves o pasado 12 de febreiro ás 10:30 horas. A orientadora dirixíuse ao alumnado dos ciclos de informática para o asesoramento en canto ás saídas formativas e laborais unha vez que rematen o seu ciclo.

O vindeiro 19 de febreiro ás 12:45 horas será o turno do alumnado dos últimos cursos da ESO do IES do Barral, en Ponteareas. Preto de cen alumnos e alumnas participarán nestas primeiras sesións informativas que se irán programando nos demais centros educativos da comarca ao longo deste curso.

A concelleira Vanesa Fernández explica a importancia de que o alumnado dispoña dunha ampla e detallada información sobre os diferentes estudos que se ofertan e as saídas laborais para que poidan deseñar o seu futuro con máis probabilidades de éxito, “dispor de información actualizada reduce a porcentaxe de fracaso e aumenta a porcentaxe de acertos á hora de decidir que estudar ou a que adicarse no futuro. Ás veces o alumnado pode atoparse perdido entre a ampla oferta ou descoñece hacia que mercado laboral se orientan as formacións, por iso, dende o departamento de orientación se realiza este indispensable traballo”.

O servizo de orientación laboral de Ponteareas está ubicado no Centro de Desenvolvemento Local e a él pode acceder toda a cidadanía que precise información sobre como reconducir a súa traxectoria laboral e de formación.