Sábado, 3 Maio de 2025

O PSOE pídelle á Xunta que suspenda o expediente da Escola Infantil de Ponteareas “por deficiencias na ampliación realizadas polo PP no 2006”

Paloma Castro urxe á Xunta a asumir a titularidade da escola e executar as obras de legalización do proxecto

A parlamentaria socialista Paloma Castro presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que tome a iniciativa para resolver as irregularidades nas obras realizadas na escola infantil actual cando o PP gobernaba Ponteareas. Castro reclamoulle á Xunta “respostas que pasen pola asunción das competencias que lle son propias, como a titularidade e xestión da escola infantil, ou a colaboración económica nas obras para adaptar á legalidade o proxecto de ampliación”.

A parlamentaria socialista pediulle ao goberno galego que suspenda o procedemento sancionador ata que se actualicen as obras de ampliación, que no seu día foron encetadas de forma irregular. Lembra que este proxecto, que foi iniciado en 2006, recibiu ata 7 inspeccións e requirimentos da Xunta entre 2006 e 2009 derivados da falla de autorización para a ampliación da escola con dúas aulas novas.

Aqueles procedementos foron paralizados coa chegada do PP ao goberno da Xunta en 2009, ata que en 2012, a raíz dunha inspección rutineira, o goberno municipal foi advertido de que as aulas non estaban autorizada e debían ser legalizadas con obras de adaptación. O Concello fixo caso omiso das advertencias ata que non chegou o novo goberno municipal, que encargou un proxecto de legalización homologado pola Xunta en 2019.

Sen embargo, o Concello recibiu recentemente un expediente da Xunta incluíndo unha sanción económica que deixa ao Concello nunha “difícil situación”. Castro explica que “ao elevado custe do proxecto de legalización, que o Concello non pode asumir en solitario, súmase o agravio para os 80 nenos e nenas matriculados na escola infantil e que quedarían sen clase durante o tempo que duren as obras”.

Galiña Azul

Reclamoulle ademais ao goberno galego que “rescate do caixón” o proxecto de nova escola infantil ou Galiña Azul no parque forestal Ferro Ucha de Ponteareas. A responsable socialista solicita en primeiro lugar que o goberno galego atenda ao proxecto para construír unha nova escola infantil no dito parque forestal, logo de “múltiples peticións á Xunta para a implantación dunha Galiña Azul” diante da falla de escola pública alternativa no Concello.