Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Ponteareas solicita un plan de actuación na residencia de maiores e “que só traballen os servizos mínimos”

Solicitan información para os empregados públicos e que se dote ao persoal de material de protección individual ( EPis) como están a facer noutros concellos

O Grupo Municipal do PP do Concello de Ponteareas solicitou por escrito a aplicación de melloras para a contención do virus Covid-19 no municipio. Entre as medidas presentadas ao Goberno polos populares están a adopción de medidas para a Residencia de Maiores ‘Santa Ana’ e que só traballen os servizos mínimos indispensables.

O PP ponteareán, no escrito presentado, solicita formar en prevención e dotar de equipos de protección individual ( EPis) “a aqueles traballadores municipais que non ten máis remedio que acudir aos seus postos de traballo: limpeza, emerxencias e seguridade, residencia ou axuda a domicilio”.

“Esiximos que todo o persoal que non sexa necesario, sexa enviado ás súas casas, para axudar á contención do virus” explican os populares.

Por outra banda, a formación que encabeza Belén Villar, solicita tamén “a urxente realización dun Plan de Actuación por se se dese a circunstancia de que o Covid-19 chegase a infectar a algún usuario da residencia de maiores”.

“Temos que estar preparados sempre para o peor dos escenarios. É responsabilidade de todos os gobernos estar dotados de medios e de plans que nos axuden a atallar esta emerxencia sanitaria”.

Para a semana o Grupo Popular, que xa iniciou unha rolda de chamadas telefónicas cos comerciantes e empresarios locais, esixirá ao Goberno local unha serie de bonificacións e exencións nos impostos locais.

“Imos acordar con eles estas medidas. Se non abren non teñen ingresos, non é xusto que non teñamos un Plan Económico Local tamén para eles. Todos temos que arrimar o ombreiro”, conclúe o PP.