Sábado, 3 Maio de 2025

O PP de Ponteareas, partidario de cancelar o pago de impostos de autónomos e empresas

Os populares consideran que a medida proposta polo Concello de pospoñer o pagamento dos impostos 15 días, "non é solución"

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas lamentou hoxe que o Goberno local “non teña en consideración aos grupos da oposición”, aos que, aseguran os populares, “nin consulta nin informa das medidas que se adoptan ante o Estado de Alarma no que nos atopamos”.

Ante a petición dos populares de cancelar impostos locais, o Goberno local publicou na web do consistorio un anuncio conforme pospoñíanse 15 días, medida cualificada de “parche” xa que, aseguran, “se os autónomos e empresarios non teñen ingresos porque foron obrigados a pechar, deberiamos axudarlles cancelando eses impostos”.

O PP considera que o Goberno local ten que dispoñer dun Fondo Especial Covid-19 destinado á axuda para este colectivo que actualmente ten os seus negocios pechados. “O remanente de Tesourería, por exemplo, podería utilizarse para esta emerxencia. Lembremos que a día de hoxe moitos autónomos acaban de abonar a súa cota cando levan máis de 15 días de perdas na súa actividade”.

Por outra banda o PP manifesta que lle gustaría participar na elaboración dese ‘Plan económico de reactivación económica’ que propón a Alcaldía de Ponteareas do que, aseguran, “non temos ningunha información”.