Domingo, 4 Maio de 2025

O PP de Ponteareas denuncia que o Goberno local presenta os Orzamentos “sen manter reunións cos grupos da oposición”

Os populares reclaman diálogo e consenso ante un documento que pretende aprobar en menos de sete días.

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas lamenta a falta de diálogo do Goberno local que pretende aprobar, a semana que vén, o documento máis importante que ten o Concello, os seus Orzamentos. Os populares denuncian falta de diálogo e consenso ao presentar o documento “sen reunirse coa oposición e sen escoitar por tanto as nosas suxerencias”.

O PP asegura que tentará visualizar de “forma completa” o documento para poder presentar alegacións, nun prazo demasiado breve para tratarse do documento de maior importancia dun Concello. “Da breve lectura que puidemos realizar detectamos modificacións no capítulo de persoal que non foron acordadas con ninguén”. “Descoñecemos o estado do investimento do programa EDUSI, cinco millóns de euros que teñen un prazo de execución e que moito nos tememos que non se está cumprindo”, afirma o PP.

Os populares consideran que “uns orzamentos exprés” son prexudiciais para o municipio e lembran que o pasado ano, “as presas deron como resultado un orzamento totalmente irreal que lles levou á bancarrota e á necesidade de asinar varios préstamos”.