O Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas apoiou por unanimidade este martes a iniciativa do BNG para instar ao Congreso á transferencia da titularidade da AP9 a Galicia e á rebaixa inmediata das peaxes. O concelleiro do BNG Miguel Bouzó sinalou que “a historia da AP-9 é a crónica dun saqueo legalizado e da discriminación con Galiza por parte dos diferentes gobernos do PP e do PSOE, que nos ten custado miles de millóns de euros en peaxes. Como consecuencia destas decisións políticas, hoxe Galiza conta cunha das autoestradas máis caras do Estado, cunhas tarifas desorbitadas que soportan a diario arredor de 22.000 galegos e galegas e que afectan a moitas veciñas e veciños de Ponteareas”.
Bouzó afirmou que a AP9 é a autoestrada coa concesión máis longa posíbel, 75 anos. “Primeiro o goberno de Felipe González ampliou a concesión durante dez anos, e logo José María Aznar outros vinte e cinco, até 2048”, lembrou o concelleiro nacionalista, ao tempo que esixiu o cumprimento do acordo de investidura entre o BNG e o Goberno do Estado, dado que existen as partidas orzamentarias precisas para facer efectiva a transferencia da autoestrada a Galiza.
“En lugar de rebaixas, os galegos e galegas tivemos que soportar unha nova suba nas peaxes, sendo esta infraestrutura unha das poucas de todo o Estado que vían incrementados os seus prezos. Despois de máis de 41 anos pagando o suculento negocio da empresa concesionaria, xa é hora de que comece a conta atrás para facer realidade esta demanda social”, concluíu Miguel Bouzó.
Comisión de Investigación sobre a Escola Infantil
Ademais, o BNG logrou tamén a unanimidade da Corporación para a creación dunha comisión de investigación que esclareza e depure as responsabilidades políticas, económicas e legais que no seu caso se puideran ter derivado do escándalo das obras de ampliación da Escola Infantil Municipal.