Sábado, 3 Maio de 2025

O “plantón” dos sindicatos á Mesa de Negociación atrasa a aprobación do Orzamento de Ponteareas

A previsión do goberno do BNG e PSOE de aprobar os presupostos de 2020 no vindeiro pleno ordinario do día 26 vén de quedar truncada logo do “plantón” que, segundo o Goberno local, lle deron os os sindicatos ao non presentarse á mesa de negociación convocada o pasado mércores.

Na reunión debía abordarse todo o relativo á plantilla de persoal para o vindeiro ano 2020, requisito previo para que os orzamentos se podan someter a aprobación no Pleno. Non obstante –explica o executivo que preside Xosé Represas– “os sindicatos, malia acudir á Casa do Concello, decidiron non participar na reunión alegando falta de tempo para estudar os asuntos, a pesares de ter sido convocados cunha semana de antelación”. Os sindicatos tamén demandaban a celebración de dúas reunións en lugar dunha.

O goberno local lamenta o “plantón” porque, asegura, “non prexudica ao goberno do BNG e PSOE, senón que causa prexuizos ao conxunto dos cidadáns e ao interese xeral ao retrasar innecesariamente a aprobación dos orzamentos de 2020”.

O goberno de coalición non comprende a atitude dos sindicatos porque “mesmo podería poñer en risco a aplicación da suba salarial aprobada no seu día para a plantilla municipal”. Á vista do acontecido, os sindicatos foron convocados novamente para a vindeira semana, polo que o Goberno “apela a súa responsabilidade para sentarse a dialogar”.