12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Ministerio prevé a exposición pública do proxecto de mellora da N-120...

    O Ministerio prevé a exposición pública do proxecto de mellora da N-120 antes de fin de ano

    A previsión foi avanzada hoxe pola Subdelegación do Goberno aos representantes dos grupos políticos BNG, PP e ACIP e dos colectivos veciñais que acudiron a Pontevedra

    Representantes dos grupos políticos BNG, PP e ACIP e dos numerosos colectivos veciñais das parroquias de Ponteareas afectadas pola rede viaria do Estado desprazáronse este luns á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para esixir unha vez máis un calendario con prazos e orzamentos para as obras de mellora da seguridade viaria na N-120 e a creación da variante.

    Tras concentrarse á entrada da Subdelegación e a petición da alcaldesa un representante deste organismo mantivo unha longa conversa cos representantes políticos e veciñais na que adiantou a intención do Ministerio de realizar a exposición pública do proxecto antes de final deste ano. Unha vez se resolvan as alegacións que no seu caso se poidan presentar o proxecto aprobarase definitivamente e poderase licitar, algo que podería producirse no vindeiro ano en función do número de alegacións e da súa complexidade.

    “Sabemos que o prazo ofrecido hoxe refírese só a unha fase do procedemento, a exposición pública, e aínda que supón un pequeno avance, é insatisfactorio, pois queremos un calendario completo orientativo”, salientou a alcaldesa ponteareá, Cristina Fernández Davila.

    O Concello estará moi atento a que se verifique a exposición pública do proxecto e fará un seguimento exhaustivo e permanente do proceso para que se cumpran as previsións e as obras se liciten o vindeiro ano. “Estaremos en constante comunicación coa Subdelegación do Goberno e co Ministerio para asegurarnos de que o proceso avanza ao ritmo debido. Entendemos que se poden producir retrasos e para ese suposto é fundamental manter unha interlocución áxil e fluída para coñecer os motivos e se estes son xustificados ou se deben a unha falta de vontade política”, sinalou a rexedora.

    En canto á creación da variante, a Subdelegación do Goberno facilitará nos vindeiros días a información detallada sobre todas as fases do proceso para a súa futura construción. Actualmente o proxecto atópase en fase previa á elaboración do estudo de impacto ambiental. “O Goberno local fará tamén un seguimento continuo do avance de cada unha das fases do proceso para que estas se executen sen dilacións e sen retrasos”, recalcou.

    A alcaldesa agradeceu aos partidos políticos e aos colectivos presentes hoxe en Pontevedra a súa asistencia, xa que “nesta reivindicación de melloras na rede viaria do Estado en Ponteareas é fundamental a unidade”. Cristina Fernández apostou polo diálogo e a firmeza para lograr investimentos do Estado e lembrou que coas negociacións do mandato pasado o goberno municipal conseguiu que o Ministerio de Transición Ecolóxica redactara o proxecto de ampliación da depuradora e que os orzamentos do Estado recollan 11 millóns de euros para a súa execución. “Seguindo esa mesma liña, continuaremos traballando sen descanso até conseguir para Ponteareas a mellora da seguridade na N-120 e a variante”, afirmou a rexedora.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.