Sábado, 15 Febreiro de 2025

O hóckey rexurde en Ponteareas

Despois dunha década de inactividade, o Hóckey Club Ponteareas rexurde para facer deste deporte algo máis que un entretemento e rememorar así os tempos nos que se practicaba no parque do Tea competindo no Campionato de España.

A directiva do H. C. Ponteareas presentouse nestes días coa intención de captar xogadores e recuperar o histórico equipo para as categorías elite. Apoiados polo concello de Ponteareas, na presentación estivo o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas; a concelleira de Deportes, Nahir Covelo e o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó.

A directiva anunciará nos vindeiros días os primeiros encontros deportivos e horarios do club para comezar con forza os adestramentos no mes de setembro.

Para a tempada 2019/20 a prioridade será a creación das escolas de hóckey de iniciación nos centros escolares do concello e da súa contorna

O principal obxectivo fixado pola directiva é a volta do club ás categorías de elite do hóckey en España tanto na categoría feminina como na masculina.

Conscientes do esforzo que vai implicar, comezarán a traballar polo deporte base e a canteira. Para a tempada 2019/20 a prioridade será a creación das escolas de hóckey de iniciación nos centros escolares do concello e da súa contorna incluíndo o hóckey sobre patíns nos seus programas de actividades extraescolares. A primeira acción para difundir este deporte serán as demostracións nos centros educativos ofrecendo ás familias interesadas un período de iniciación e aprendizaxe para logo organizar competicións entre os centros escolares.

O Club contará con adestradores titulados e ex xogadores con experiencia na formación de xogadores en cada posto específico. Ademais, estará apoiado pola Real Federación Española a traverso do seu programa PROHOCKEY, deseñado por Quim Pauls .

O H.C Ponteareas agarda con ilusión a todos os nenos e nenas que queiran formar parte esta familia e equipo.