Sábado, 8 Febreiro de 2025

O grupo coruñés ‘Avelaíña’, gañador do ‘LII Concurso de Gaitas do País’ de Ponteareas

O grupo Avelaíña de Teo, A Coruña, gaña o LII Concurso de Gaitas do País organizado polo concello de Ponteareas. O grupo formado polas gaitas de Xesús Rodríguez Callejón e Raquel Vilas Otero, o bombo Ricardo González Martín e tambor de Santiago López Suárez faise co primeiro premio do concurso de gaitas máis antigo de Galicia recibindo un premio de 1.800 €.

O segundo posto foi para o grupo Rodamuíños de Cela, Mos, o terceiro para o grupo Soñíria de Vigo e o cuarto premio para o grupo Bran Cuartet. Así o decidíu o xurado composto nesta ocasión por José Manuel Gil Rodríguez, Xiana Teixeiro Rei, Antonio Gutierrez Pereira, Xulia Feixoo Martínez e o polifacético produtor e músico Cristian Silva.

Este Xurado decidíu outorgar unha mención especial ao grupo  Aula de toque pechado de gaiteiros  das Rías Baixas pola súa labor na recuperación de técnicas  e composicións. E outra ao grupo Anaquiños da terra-Xuventude de Galicia de Lisboa, polo seu labor por manter as tradicións e espírito galego fóra das nosas fronteiras.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, agradece a todos os grupos a súa participación “que ofreceron unha xornada de festa, de folclore galego, de tradición e de posta en valor dunha parte da cultura galega”.