Sábado, 3 Maio de 2025

O doutor en Economía Damián Copena Rodríguez, gañador do VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey

O doutor de Economía e profesor da Universidade de Oviedo profundiza no importante papel das comunidades de montes e do relevante valor da materia prima e ben común que xestionan

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anuncia que o doutor en Economía e profesor da Universidade de Oviedo Damián Copena Rodríguez resultou gañador do VIII Premio de Investigación Fermín Bouza Brey 2020 polo seu proxecto de investigación titulado “Manexo comunitario dos recursos naturais: pasado, presente e futuro dos montes veciñais en man común de Ponteareas”.

Os obxectivos deste traballo, dotado polo Concello de Ponteareas con 3.000 €, son caracterizar e analizar a dinámica histórica dos montes veciñais en man común do concello de Ponteareas, identificar e caracterizar as institucións de manexo comunitario dos recursos naturais que a partir da acción colectiva xestionan o monte e divulgar o traballo das entidades de manexo comunitario dos recursos naturais que a partir da acción colectiva xestionan o monte veciñal no concello de Ponteareas.

Ademais, o traballo do doutor Damián Copena, nado en Ribadetea, analiza o grao de cumprimento dos principios da premio nobel Elinor Ostrom (ver debaixo) por parte das institucións de manexo comunitario dos recursos naturais que a partir da acción colectiva xestionan o monte veciñal en man común existentes no municipio ponteareán.

O xurado salientou os obxectivos realistas deste proxecto, a súa gran profundidade científica, a importancia da economía ecolóxica e a posta en valor dos baldíos de Ponteareas.

“A importancia dos premios Fermín Bouza Brey é, precisamente, visibilizar traballos e estudos relevantes con base científica, rigorosos e mesmo aplicábeis á mellora do noso día a día, tal e como acontece neste caso, en que o doutor e profesor Damián Copena profundiza no destacado papel das comunidades de montes e do ben común que manexan” subliña Fernando Groba.

PRINCIPIOS OSTROM

  1. Límites definidos con claridade que determinen quen ten acceso ao procomún e quen non.
  2. Regras que limiten o tempo, o lugar, as tecnoloxías e a cantidade de recursos que se poden utilizar así como a cantidade de traballo material e cartos que se deben dedicar ao procomún.
  3. Garantir que os membros determinen democráticamente as regras e as súas modificacións no tempo.
  4. Garantir que quen supervise as actividades que se desenvolvan no procomún sexan membros do mesmo ou alguén que resposte ante eles.
  5. Sancións proporcionadas impostas polos outros membros coa fin de evitar castigos excesivos que poidan agriar a súa participación futura e xerar malestar na comunidade.
  6. Establecer medios para acceder con rapidez a unha mediación privada.
  7. Que as autoridades públicas reconozan e aproben a lexitimidade de las regras fixadas polo procomún.