No marco das obras iniciadas o pasado mes para a humanización da rúa Trobador Xoán García de Guillade e a creación do camiño escolar seguro ao CEIP Ramiro Sabell, este martes 5 de xullo iniciaranse os traballos sobre o tramo da rúa Trobador Xoán García comprendido entre a Avenida de Galicia e a rúa Camelias, que implicará a reordenación definitiva dos accesos e sentidos de circulación nas rúas Trobador, Salgueiros, Camelias, Forno Telleiro, Pedra de Auga e Nardos.
O Concello explica que o tramo de Trobador Xoán García dende a Avenida de Galicia até o parque Ferro Ucha estará libre de tráfico ao converterse nun espazo peonil e por el só poderán circular os vehículos usuarios de garaxes, así como casos excepcionais autorizados, que son recollida de persoas con mobilidade reducida, carga e descarga e emerxencias.
A rúa Salgueiros que desemboca nesa futura zona peonil tamén estará libre de tráfico e, a través dela, accederán e sairán só os vehículos autorizados desa mesma rúa e Trobador, así como garaxes de Camelias e Forno Telleiro.
A rúa Camelias inverte o seu sentido de circulación que pasa agora a ser ascendente en dirección a Guillade. Esa rúa será, ademais, a de acceso ás rúas Pedra de Auga e Nardos, que sairán cara ao Paseo Matutino por Nardos, no tramo situado detrás do parque Ferro Ucha, que será acondicionado no marco destas obras.
Con esta reordenación gáñanse amplos espazos para o uso e goce das persoas, conéctanse de forma peonil os Xardíns da Xiralda na Casa do Concello co parque Ferro Ucha e redúcese o tráfico e contaminación atmosférica e acústica nesta zona residencial ao crearse un único sentido de circulación de saída cara Guillade, rematando co tráfico circular ao redor do Cuartel da Garda Civil. Ao mesmo tempo garántese a circulación e acceso de vehículos que o precisan por razóns xustificadas.
A transformación da rúa Trobador Xoán García de Guillade permitirá crear o primeiro camiño escolar seguro de Ponteareas e triplicar o espazo para a veciñanza, apostando por unha mobilidade segura e sostíbel e “transformando de xeito extraordinario unha rúa e unha estrada degradadas, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspita, nun espazo público de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”. As obras contarán cun investimento de case 731.000 euros financiados nun 75% a través do plan ReacPon da Deputación de Pontevedra e nun 25% con fondos propios do Concello.
Para aclarar dúbidas a veciñanza pode enviar un correo electrónico a [email protected] ou chamar ao teléfono 986 64 00 00.