Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Ponteareas pide a colaboración da cidadanía ante o incremento de casos de COVID, de 33 a 44 en vinte e catro horas

A alcaldesa accidental e concelleira de Saúde, Cristina Fernández Davila, vén de dar conta do aumento de casos que a día de hoxe sitúanse en 44, mentres que onte eran 33. Fernández Davila amosou súa preocupación polo novo ascenso despois de ter baixado aos 21 e manterse dende o 28 de decembro ata o día de Reis.

Observando que Ponteareas oscilaba entre os 21 e 24 casos dende o 28 de decembro e sabendo que por estar tres días con maior incidencia non é representativo Cristina Fernández Davila considera convinte informar á veciñanza desta circunstancia “para que non se baixe a garda e se actúe con responsabilidade”.

A alcaldesa accidental insta á cidadanía “a extremar as medidas de seguridade e hixiene” e lembra “que non podemos desprazarnos a poboacións con peche perimetral”.

Cristina Fernández que, de momento, Ponteareas non foi convocada a ningunha reunión coa Consellería de Sanidade e a Área Sanitaria de Vigo e explica que “se houbese cambios na normativa sanitaria por Covid que nos afectasen negativamente sería convocada unha reunión da Comisión de seguemento de xeito inmediato”.

“Frear os contaxios é cousa de todos e todas. Volvemos solicitar a colaboración da cidadanía para extremar as precaucións e non saír do noso concello agás que sexa imprescindíbel para poder reducir o número de contaxios e non ter que volver sufrir restricións nin consecuencias sanitarias non desexadas”, remata Cristina Fernández.