10.5 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas dá o seu apoio á manifestación do vindeiro...

    O Concello de Ponteareas dá o seu apoio á manifestación do vindeiro 12 de maio en defensa da sanidade pública

    O servizo de atención primaria na vila e na comarca atópase nunha situación de precariedade cada vez máis agudizada

    Como xa se recolleu na última sesión plenaria, o Concello de Ponteareas traslada o seu total apoio á manifestación que se celebrará o vindeiro 12 de maio ás 20.00 h en Vigo baixo o lema ‘Salvemos a Atención Primaria. Recuperemos a sanidade pública’, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta e as outras 16 plataformas en defensa da sanidade pública da Área Sanitaria de Vigo.

    A situación da atención primaria na vila e na comarca “é insostíbel”, con 9.000 persoas sen médico ou médica de familia asignada, “sen poder pedir cita, que non son atendidos telefonicamente e que deben decidir por si mesmos se a doenza que padecen require unha visita a urxencias ou se deben esperar tres ou catro semanas para unha receita ou unha consulta cun facultativo ou facultativa que cambia cada vez”.

    O Concello anima a toda a veciñanza a participar nesta manifestación e amosar así o seu malestar cunha situación de precariedade cada vez máis agudizada, xa que nestes intres tampouco se está a substituír o persoal de baixo ou de permiso no PAC, un servizo de urxencias que atende a máis de 50.000 persoas de Ponteareas e da comarca.

    A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Condado e Paradanta pon a disposición da veciñanza autobuses para poder asistir á manifestación que sairán de diferentes puntos da comarca cun prezo de 5 euros, ou de balde para persoas desempregadas ou estudantado. É preciso reservar praza.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.