Venres, 23 Maio de 2025

O Concello cualifica de “delirante” atribuír á cheminea da caldeira de biomasa un risco para a seguridade aérea

A Asociación contraria á rede de calor presentou unha denuncia na Axencia Estatal de Seguridade Aérea

O Goberno Municipal de Ponteareas considerou “delirante a presentación dunha denuncia na Axencia Estatal de Seguridade Aérea atribuindo á cheminea da caldeira de biomasa un risco para a seguridade da aviación”. Segundo a Alcaldesa accidental, Cristina Fernández, “a cheminea instalada ten a altura dos edificios colindantes e na localidade existen outras instalacións de moita maior altura ou máis aparatosas coma a antena dunha compañía telefónica situada na Avenida de Galicia”.

“Denunciar que a cheminea pode ser un risco para a seguridade da aviación só pode cualificarse de surrealista e de disparate e reflicte até que punto pode chegar a obsesión dalgúns para entorpecer a execución desta obra tan importante”, engadíu Cristina Fernández. “O peor é que con este tipo de denuncias que sonan a broma faise perder o tempo a institucións e forzas de seguridade que deben ocuparse de cousas serias”, lamentou a alcaldesa accidental.

O executivo local pide rigor e seriedade e que “deixe de chamarse planta de biomasa ao que é unha caldeira”. A alcaldesa accidental, Cristina Fernández, lembrou que os detractores da rede de calor “chegaron a falar de catro grandes chemineas de 4,5 metros de diámetro e como se pode observar a cheminea instalada é idéntica ás chimeneas adosadas a edificios para a saída de gases de moitos restaurantes”.

Cristina Fernández salientou que a fiscalía arquivou outra denuncia presentada pola mesma asociación e que o proxecto ademais de ser completamente legal está sendo aplaudido e recoñecido por profesionais de prestixio e institucións coma o Eixo Atlántico ademais de converterse nun modelo e exemplo a seguir noutros concellos. “Resulta irónico”, conclúe a alcaldesa “que fronte a unha iniciativa aplaudida por supoñer unha mellora do medioambiente os seus detractores se autodenominen Ponteareas Saudábel”.