Onte domingo, día 13, disputouse no encoro do Pontillón (Pontevedra) o IV Campionato Galego de Natacion en augas abertas. Tratábase da 1.ª proba oficial en augas abertas que se celebraba en Galicia tras o parón das competicións ocasionada pola Covid-19. A temperatura da auga non permitiu o uso de neopreno. O formato da proba e os/ as nadadores/ as adaptáronse ao protocolo establecido pola organización para previr o contaxio da Covid-19.
Dúas distancias, 1000 metros para os alevíns e 2000 metros para o resto de categorías, o uso de máscara antes e despois de nadar e de xel desinfectante marcaron unha proba con moitísima participación (23 equipos absolutos e 19 en categoría Máster). Na categoría Máster, o CNPonteareas alzouse coa vitoria conxunta, mentres que na Absoluta (Infantil, Alevín, Júnior 1 e 2 e Sénior) a vitoria foi para o CNGalaico (Pontevedra), seguido do CNPonteareas que alcanzaba así o Subcampeonato.
Os nadadores e nadadoras do CNPonteareas (preto de 40 participantes) conseguiron 8 medallas na categoría Máster (3 ouros, 2 pratas, 3 bronces) e 6 metais no resto (2 ouros, 3 pratas, 1 bronce).
Os participantes expresaron unha gran emoción por volver estar de novo nun ambiente competitivo, nunha proba oficial, á espera de que se aprobe un calendario de ligas e competicións para a tempada 2020-2021.
[su_image_carousel source=”media: 20896,20895″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]