Esta fin de semana, do 5 ao 7 de marzo, Málaga acolleu o Campionato de natación de España infantil de inverno, ao que se presentaban un total de 72 equipos femininos e 83 masculinos.
O CN Ponteareas participou no mesmo con 3 nadadoras que obtiveran a marca mínima clasificatoria para 10 probas individuais en total: Sofía Carballo, Iria Lemos e Rosette Otero.
Como todas as probas desta tempada, a competición estaba regulada polo protocolo de prevención fronte ao contaxio da Covid-19, a porta pechada , celebrando as sesións masculinas na primeira metade e as femininas na segunda de cada sesión co fin de limitar o aforo de deportistas dentro da instalación.
A sesión do venres saldouse coa medalla de bronce de Sofía Carballo no 200 metros braza, marcando a Mellor Marca Galega de 15 anos (2:34.60). Rosette Otero, pola súa banda obtivo unha 34ª posición no 800 metros libres.
O sábado chegou a medalla de Ouro: Iria Lemos proclamábase Campioa de España en 100 metros libres, marcando tamén a Mellor Marca Galega de 15 anos (58.55). Para acabar de redondear a súa actuación, pouco despois a propia Iria Lemos conseguía a medalla de Bronce nos 100 metros bolboreta, co mérito engadido de subirse ao podio saíndo desde a penúltima serie, é dicir, que mellorou o tempo de moitas nadadoras que acreditaran mellor marca de inscrición que ela.
Pola tarde Sofía Carballo volvía subir ao terceiro caixón do podio colgándose a medalla de bronce no 100 metros braza e marcando outra Mellor Marca Galega de 15 anos (1:12.97).
Na última sesión do campionato, houbo de novo unha gran actuación de Iria Lemos, gañando a medalla de bronce no 200 metros libres, unha 16ª posición de Sofía Carballo no 200 metros estilos e unha 37a posición de Rosette Otero no 200 metros bolboreta.
Como colofón final, rompendo calquera prognóstico por contar con tan só 3 competidoras, o equipo de CN Ponteareas alzábase co trofeo ao terceiro equipo feminino da clasificación final, clasificación que deixou como equipo gañador ao Club Deportivo Gredos San Diego.
Pola súa banda, o CN Banyoles proclamouse campión da categoría masculina.
A dirección técnica e directiva do club envía o seu parabén tanto ao técnico, Andrés Carrera, como ás 3 nadadoras por estes magníficos resultados que esperan sirvan de revulsivo para todos os nadadores e nadadoras do club que teñen por diante diversas probas importantes nesta segunda metade da tempada.
[su_image_carousel source=”media: 31884,31883,31882,31881″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]