21.6 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Club Natación Ponteareas proclámase campión galego na clasificación conxunta

    O Club Natación Ponteareas proclámase campión galego na clasificación conxunta

    O campionato galego de natación de inverno, en piscina de 25 metros, chegou co comezo de ano e disputouse do 3 ao 5 de xaneiro de 2021. Como en todas as competicións que se celebran actualmente, estableceuse un protocolo fronte á Covid-19 que obrigaba a que se celebrase sen a presenza de público.

    Para limitar aínda máis o aforo de participantes, os equipos femininos competiron nas 3 primeiras sesións mentres que os masculinos fixérono nas 3 últimas. A federación galega emitiu o evento en directo a través de youtube.

    O Club Natación Ponteareas alzouse co título de campión galego na clasificación conxunta. Na categoría masculina, o título foi para o CN Arzúa (sendo o equipo de Ponteareas o 6º clasificado) e na categoría feminina o título foi a parar a mans do C Náutico de Vigo (sendo subcampión o CN Ponteareas).

    O director técnico do club do condado, Andrés Carrera, mostrouse moi satisfeito por este campionato autonómico, sobre todo pola actitude positiva de todos os integrantes do equipo. Durante os tres días, segundo relata Carrera: “brillou un colectivo sobre as individualidades e iso faime estar moi satisfeito porque os nadadores e nadadoras viñeron a Pontevedra a bater as súas mellores marcas persoais nunha das probas máis importantes da tempada, isto demostra que teñen talento e mentalidade gañadora”.

    É de destacar, por exemplo, que por primeira vez un equipo de substitución masculina (4×200 libres) subise ao podio, cun bronce. Tamén por primeira vez o equipo feminino conseguía que todas as súas substitucións (4×50 libres, 4×100 libres, 4×200 libres, 4×50 estilos, e 4×100 estilos) subisen ao podio situándose entre os tres primeiros clubs clasificados.

    No aspecto individual, destacamos tamén as medallas de ouro e o título de campioa galega de Sofía Carballo en 50, 100 e 200 braza e Carla Faro nos 100 estilos e o título de campión galego e medalla de ouro de Pablo Cabana na 200 Bolboreta.

    Para o deporte en xeral, e para a natación en particular, é unha gran noticia que se implementaron medidas e protocolos adaptados ao contexto marcado pola Covid-19, que funcionen e que permitan desenvolver a actividade dos clubs.

    Desde o club, queren dar o parabén á Federación galega de natación e ao Club Natación Galaico, como organizadores impecables desta cita, así como aos clubs gañadores (Arzúa e Vigo) na clasificación masculina/feminina, e por suposto mostrar o orgullo por este título de campións por equipos do CN Ponteareas que fai albergar esperanzas para futuras citas, autonómicas e nacionais. Parabén a todos!

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.