Tres nadadoras do Club Natación Ponteareas –Naroa Estévez, Sofía Carballo e Iria Lemos– participaron no Campionato de España Infantil de Verán que tivo lugar do 21 ao 23 de xullo na piscina do Club Natación Sabadel.
Naroa Estévez, no seu debut, deixou moi boas sensacións nadando os 800 libres moi preto da súa mellor marca persoal.

Sofía Carballo conseguía clasificarse para todas as finais das probas que participou, acadando o título de campioa de España infantil de 100 e 200 braza –parando o crono na mellor marca galega de 15 anos– e de subcampioa de España de 400 estilos. Xa nos 200 estilos remataba na quinta posición asinando a súa mellor marca persoal.

Iria Lemos, al igual que a súa compañeira Sofía, tamén accedeu a todas as finais das catro probas nas que competía, subindo ao podio como subcampioa de España infantil de 50 e 100 libres –coa mellor marca galega de 15 en ambas–, e medalla de bronce nos 200 libre. Por último, nos 100 bolboreta, remataba na 4ª posición, rozando o podio.

O equipo feminino do Club Natación Ponteareas, formado por estas tres magníficas nadadoras, quedaba na 10ª posición xeral do campionato.
Se acadar as marcas mínimas para acceder a unha cita nacional é complexo, entrar nas finais e subir ao podio, como fixeron estas nadadoras ponteareás, ten un enorme mérito que queremos destacar moi especialmente.