O BNG, a través do seu deputado Luís Bará, anunciou a presentación no Parlamento Galego dunha serie de iniciativas para que o goberno da Xunta “dea explicacións e poña solución á precaria situación na que se atopa o centro de saúde de Ponteareas”.
A formación liderada por Ana Pontón sinalou que “cada vez é máis alarmante a falta de servizos e a ausencia de persoal sanitario en Ponteareas”. Neste sentido, o Bloque lembra que “por falta de persoal, a partir do día 15 a Xunta elimina consultas de Atención primaria na quenda de tarde, atendendo só as urxencias ou excepcións. Deste xeito, as pacientes con citas xa asignadas para as tardes vense obrigadas a desviar as súas citas á quenda de mañá ou a atrasalas cando menos por un mes”.
Por este motivo, o BNG esixe “que se repoña o persoal que nos últimos anos se vén eliminando, para pór freo ao deterioro da calidade asistencial e ao empeoramento das condicións laborais das traballadoras e traballadores derivado da sobrecarga de traballo”.
“Tras máis dun ano de pandemia, nun momento no que é imprescindible reforzar o sistema sanitario, o goberno do PP na Xunta continúa aplicando a súa política de recortes que empeora a Atención primaria e provoca graves consecuencias nas e nos pacientes”, sinalou o deputado do Bloque.
Por outra parte, o BNG anima á veciñanza a participar nas mobilizacións e reivindicacións que se están a pór en marcha na vila para reclamar unha mellora de condicións no centro de saúde e no conxunto da sanidade pública galega, ao tempo que pide ao goberno galego “que escoite o clamor social e as denuncias e reivindicacións do persoal da sanidade pública”.